O boletín oficial da provincia da Coruña publicou as “Bases para o outorgamento de subvencións para plantacións forestais en montes do Concello de Santiago”, polas que se destinan 8.000 euros para contribuír a sufragar as plantacións forestais por particulares (un máximo de 900 euros por particular) e asociacións que sexan propietarias, arrendatarias ou usufrutuarias de terreos que cumpran cos requisitos e obrigas que marca a lexislación vixente.
As especies subvencionadas son o carballo, o bidueiro, o castiñeiro, a nogueira, a cerdeira, o ameneiro e o carballo americano. A contía subvencionada é de 3 euros por planta autóctona e de 1,5 euros no caso do carballo americano. Serán plantas de 50 centímetros de altura como mínimo e deberán poñerse en parcelas de polo menos 500 metros cadrados de extensión.
O prazo para a presentación de solicitudes será de 30 días naturais e terán que ser entregadas no Rexistro municipal do Concello. As bases da convocatoria pódense recoller na Sección de Medio Ambiente do Concello de Santiago ou en www.compostelaviva.org.